Saturday 27 de April de 2024

“O castelo non é para nós” volve á fortaleza de Moeche tralo éxito do ano pasado


A primeira visita teatralizada do verán está programada para este sábado a partir das 21:00h

Poñámonos en situación. Ano 1469… ou quizais 1470, as crónicas non se aclaran. O conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio e a súa esposa Beatriz de Castro achéganse a Moeche para inaugurar o seu novo castelo… que non é novo, senón o vello reconstruído como castigo polos mesmos labregos que o derrubaran uns dous anos antes no escenario bélico da segunda Revolución Irmandiña. Trala inmisericorde represión da revolta, o nobre máis poderoso da Galicia daquel entón organiza canda a súa dona -e tía- unha grande festa de reestrea da fortaleza que esperan sexa recordada por sempre. Pero nada vai saír como eles pensan… E ata aquí podemos contar para non destripar a historia “O castelo non é para nós”, interpretada por Raquel G. Crespo e Yago Espasandín, unha visita teatralizada que se volverá representar entre os seus muros este verán tralo éxito do ano pasado. A primeira oportunidade de descubrir o castelo dunha maneira distinta -en agosto haberá outras dúas- será este sábado 9 de xullo ás 21:00h. As entradas hai que reservalas no 981 404 006 ou no correo turismo@moeche.gal. Teñen un prezo único de 5€ para maiores dos seis anos. A que si será de balde é a sesión de cine ao aire libre deste venres en Souto Grande, onde se proxectará o filme infantil “Bella e o circo máxico”.

O teatro ambientado na historia do castelo de Moeche é xa un clásico do verán que o ano pasado tomou como referentes ao conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio, e á súa primeira esposa, Beatriz de Castro, situándoos nunha ficticia reinauguración do edificio despois da guerra mantida polo campesiñado e a pequena fidalguía contra os abusos da nobreza terratenente, entre a que eles mesmos se contaban.

O único verídico na obra serán os nomes dos personaxes e o escenario do castelo, cuxa configuración arquitectónica actual é resultado da reconstrución promovida polo conde trala revolta.

Porén, salvo isto e os datos históricos contrastados que apuntalan o libreto, “O castelo non é para nós” é unha ficción preparada a tres bandas por Raquel G. Crespo, Susana Crespo e Yago Espasandín, con asesoramento neste caso do técnico municipal de Turismo, Ramón Carballeira.

O lugar e os episodios ocorridos nel hai seis séculos son a base para armar unha peza teatral de 45 minutos na que se entretecen feitos documentados cun argumento en clave de humor, co obxectivo de que o público asistente sexa ao mesmo tempo convidado na festa inaugural dos Lemos e testemuño das tribulacións de Don Pedro e Dona Beatriz.

“O castelo non é para nós” representouse con grande éxito en 2021 e agora que hai menos restricións o Concello de Moeche decidiu volver programar a obra confiando en que poida chegar a máis xente. O pase deste sábado comezará ás 21:00h e é obrigatorio reservar entrada chamando ao 981 404 006 ou enviando un correo a turismo@moeche.gal. En agosto haberá dúas representacións máis, unha o 7 e outra o día 27.

Co billete, que ten un prezo único de 5€ para maiores de 6 anos, tamén se pode aproveitar para visitar as distintas dependencias da fortaleza e o Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas, onde permanece aberta ata fin de mes a mostra “A nosa tradición na madeira”, do torneiro e ebanista local José Fernández Hermida.

Cine ao aire libre en Souto Grande
E este venres tamén arranca na área recreativa de Souto Grande o ciclo de cine ao aire libre en colaboración coa Deputación da Coruña. A partir das 22:30h proxectarase “Bella e o circo máxico”, un filme de animación para público infantil onde, por certo, non hai personaxes malos. Entrada gratuíta, sen necesidade de reserva.